Viernes, 20 de noviembre de 2015

O MESMO COS CANS

           Cando un can ladra pola noite, tódolos cans do entorno ladran o mesmo tempo ca el. Xa o di o refrán: latrante uno latrant confesim omnes.

            Sospeito que debe de haber axiña eleccións. Porque as hostes do PP, o mesmiño cos cans, puxéronse todas en pé de guerra contra os promotores da nova residencia de Ribadeo. Empezaron os cans de palleiro do PP de Ribadeo. Foron seguidos logo polos ladridos do gran mastín provincial, o Sr. Balseiro.  E, pra rematar a sinfonía canina, úneselles agora ó presidente de Novas Xeracións do PP de Lugo, o “alevín” Daniel Vega. Sae a ouvear contra o alcalde o os demais promotores da residencia. Parece que imaxe, xa rematada e espelida, do edificio da nova residencia puxo nerviosos ós peperos. Non resisten o bochorno que pra eles representa haber estado contra dos intereses do pobo de Ribadeo.

            As súas armas, as de sempre. A mentira. Acusar ó alcalde e ós seus “monaguillos” de non facer o seu traballo coa residencia. Pra que é e quen fixo, xa que logo, o edificio levantado da rúa Paco Lanza, Sr. Vega?

            Afirma o Sr. Vega que a Xunta non só non pon obstáculos, senón que cre na necesidade dunha residencia pra maiores no noso concello. Bendito sexa Deus. Alégrame coñecer o cambio de actitude da Xunta. Pena non sabelo antes, pois, houbéramos aforrado moito traballo. Pro tanto o alcalde como tódolos “monaguillos” somos testemuñas vivas da postura de rexeitamento á residencia que mantiña a Conselleira de Benestar cando se lle expuxo en Santiago esta urxente necesidade. Agora a desculpa son os papeis. Antes era que non había lista de espera, ou mesmo que a Xunta quería coidar os vellos nas súas casas. Sempre desculpas. E si Vde. non o cre, non ten mais ca preguntarlle ó Sr. Valín, representante daquel PP local que hoxe non hai.

            De onde saca Vde., Sr. Vega, que o alcalde pretende privatizar a residencia? Quen lle contou esa troula? Quen leva a batuta, pregunto, das privatizacións dos servizos públicos en Galicia e aínda en España? O PSOE, o BNG ou o PP? Os veciños están agardando a súa resposta.

            Pensa Vde. que a xente vai crer que as prazas da residencia están destinadas ás rendas máis altas, como Vde. di?  Pro, de verdade, están tan nerviosos e carentes de argumentos pra impoñer á xente tamañas mentiras difamadoras?

            Pode Vde. explicarlles ós ribadenses pra quen serían as 40 prazas concertadas que Vde. pide? Prós veciños de Ribadeo ou pra toda Galicia? Agardo a súa resposta, que será interesante.

            Acusa este “alevín” do PP ó alcalde e ós seus “monaguillos” de rexeitar que a residencia fose pra todos, e querela so para uns privilexiados. Pódese ter tanta cara pra contar tamañas mentiras e quedarse tan fresco? Pro non se quedaron aquí as súas mentiras, senón que puxo prezo dás prazas futuras: 1.400 euros, nada menos. E avala esa mentira, disque, con datos “constatables”. Pode Vde. amosar eses datos, Sr. Vega?

            Pro hai un punto ó final do seu panfleto no que coincido con Vde. e aplaudo o seu arrepentido cambio de postura. “Si á residencia con maiúsculas, - di - si á residencia para todos os nosos maiores e si á residencia para Ribadeo”. Menos mal que nisto, si, estamos de acordo. Mesmo parece un dos slogans daquela manifestación que se fixo en Ribadeo pra pedirlle a Xunta a residencia. Pena que Vde. e os seus monaguillos non asistiran. Nada fixeron pola residencia, salvo poñer trancas nas rodas.

            Pro si Vde. pensa, Sr. Vega, que o mellor camiño pra conquistar ós veciños é o engano e a mentira, alá Vde. O noso camiño para conseguir a residencia foi outro: o do consenso e o da concordia entre todos. Antepoñer con valentía os intereses do pobo ós intereses dos partidos. Un xesto de grandeza por parte dos portavoces daquela, que Vde., no seu servilismo ó partido, nunca poderá entender.   

            E si as miñas “homilías” lle fan tanto dano, Sr. Vega, non veña escoitalas a esta igrexa. Eu non o invitei. Porque estas “homilías” so poden entendelas “ás persoas de boa vontade”.


Comentarios

Añadir un comentario