Viernes, 29 de enero de 2016

AS MOCIÓNS DO PLENO DE ONTE EN RIBADEO

O Pleno Municipal é o marco de funcionamento do Concello. Un foro destinado a opinar, discutir e acordar as mellores solucións prós problemas xerados pola convivencia veciñal. Polo tanto, nos seus acordos e decisións imponse o interese xeral dos veciños, que ha de estar por encima dos intereses e das ideoloxías dos concelleiros e dos seus partidos. Salux populi, suprema lex. A lei suprema é a salvación do pobo.

Onte, xoves 28 de xaneiro, Pleno en Ribadeo. Un Pleno, templo da palabra e da verdade, convertido polo PP en escenario dos seus intereses persoais. Os concelleiros do PP presentan unha moción, con dous contidos: primeiro, que a residencia sexa pública. E nisto, aínda que semelle unha aspiración estraña nun partido liberal, como é o PP, non fan máis que sumarse ás vellas pretensións dos demais partidos e dos mesmos veciños manifestadas en innumerables ocasións desde o comezo desta andaina. E o segundo que pide, é que o Concello, se quere  diñeiro prás obras da residencia, se poña de xeonllos e acepte as irracionais e ilóxicas condicións impostas pola Xunta. En fin, o de sempre: os concelleiros do PP local defenden os intereses políticos do seu partido, fronte ás necesidades veciñais. Primeiro o partido, os veciños despois. E todo, ad captandum vulgus. Pra conquistar ós veciños, como si estes fosen parvos.           

A esta moción do PP local responden os demais grupos, BNG, PSOE e C´s, cunha contra-moción na que se lle dá resposta axeitada: a forma de xestión da residencia (a quen compete, modalidade, ou seu funcionamento, dotación de persoal de ser o caso, etc.) terá que ser definida no seu día por acordo do Pleno Municipal, unha vez oído o criterio dunha comisión municipal e do persoal técnico designado pra iso. En todo caso, é intención do goberno local e dos partidos que o apoian que a xestión sexa pública, a prezos asumibles e con preferencia prós veciños do Concello de Ribadeo. Iso si, sempre de acordo coa lexislación vixente nese momento. Quedoulles claro agora, Sres. do PP? Pois, parece que non.

Ó segundo punto que pide o PP na súa moción responde a contra-moción presentada polos outros tres grupos: A Xunta fixo e fai todo o posible pra entorpecer a residencia. Primeiro, retardando a autorización pró inicio dás obras, esixindo rectificacións no proxecto e no informe de viabilidade e, finalmente, dilatando no tempo, con escusas, a achega do diñeiro prometido ó esixir a presentación de certos documentos que, segundo os técnicos municipais, non procede aportar neste momento procesual.

 Unha contra-moción, pois, na que, primeiro, o BNG, PSOE e C`s reproban a actitude da Xunta, tanto na lentitude da autorización da construción da residencia como no da dotación prometida que nunca chega. E, segundo, esíxese do Conselleiro de Política Social que dea as instrucións oportunas para facer entrega do diñeiro prometido se realmente quere participar no financiamento do centro de atención as persoas maiores de Ribadeo. E se, como el afirma, é verdade que non o pode facer, que achegue en forma ó Concello o soporte técnico no que fundamenta a súa negativa.

Como foi o desenrolo das intervencións no Pleno?  Deixando outros puntos menores alí tratados, cabe subliñar que o portavoz do PP, Sr. Penabad, interveu reafirmándose nas súas proclamas de sempre: O Conselleiro da Xunta ten razón e o Concello de Ribadeo está na inopia. Afirma que el quere mais ca ninguén a residencia prós veciños de Ribadeo. Pro, o mesmo tempo, apoia os atrancos que os seus colegas da Xunta lle están a poñer. Acaba de asasinar a lóxica ou, como se di en latín, unha contraditio in términis.

Ós razoamentos do Sr. Penabad respondeulle o alcalde, Sr. Suárez Barcia,  convertido nun novo Lacordaire, cunha enérxica e mesmo brillante intervención, dicíndolle ó Sr. Penabad que non podía afirmar que apoiaba a residencia, e o mesmo tempo aplaudir as actitudes do PP na Xunta. “Non é gratuíto - engadía o alcalde - que despois desta moción veña outra asinada por varias persoas que procedemos de tres grupos políticos diferentes, con finalidades e diferencias políticas absolutamente dispares, pero que estamos da cordo e seguiremos da cordo no que iniciamos fai xa tres anos con outra xente”. “Dunha cousa estamos seguros – engadía o alcalde – que a residencia vaise poñer a andar, claro que si, con vostedes ou sen vostedes, poñendo pedras no camiño, como fixeron desde hai unha temporada”.

A moción do PP foi rexeitada polos 12 votos dos concelleiros do BNG, PSOE e C´s. Só obtivo os 4 votos a favor dos concelleiros do PP.

Pola súa banda, a contra-moción dos outros partidos foi aprobada por 12 votos a favor e 4 en contra.

E, finalmente, e como curiosidade, subliñar que a outra moción posterior presentada polo PSOE, na que se demandaba ó Goberno do Estado que as competencias en Asuntos Sociais lles foran devoltas de novo ós concellos, por ser estes, e non os Entes Autonómicos, os que por estar mais preto dos veciños, teñen mellor coñecemento das súas necesidades e carencias. Foi aprobada por 12 e rexeitada polos 4 do PP.

 

 


Comentarios

Añadir un comentario