Lunes, 21 de marzo de 2016

A ROSCA DE RIBADEO

            Ribadeo, vila afamada e competitiva polo seu comercio e hostalería entre as súas veciñas, carecía ata agora dun produto representativo dos seus moitos e excelentes obradoiros de repostería. Mondoñedo ten a súa torta, Vilalba o roscón, Viveiro as  chulas e Santiago a súa torta compostelán. Produtos locais ós que acode o turista para levar de lembranza á súa familia e amigos. Ribadeo, vila acreditada polos seus moitos e nomeados obradoiros de repostería de calidade, como eran A Bugalla, Eijo, A Candelaria ou o Convento de Santa Clara e outros destacado talleres, carecía ata agora dun produto representativo desta vila.

             Pro, no pasado mes de febreiro, era presentado en sociedade un novo produto de repostería, a Rosca de Ribadeo, elaborado pola empresa mindoniense La Alianza, situada na rúa San Roque de Ribadeo, onde antes estaba a confeitería Eijo.

             Este novo produto, creación do confitero Guillermo Redondas, alumno e herdeiro do afamado confitero e fundador desta firma en Mondoñedo, Pablo Redondas, vén suplir esta incomprensible carencia da confeitería ribadense. Esta nova creación de repostería non é outra cousa que a recuperación dunha antiga tradición perdida que floreceu en tempos xa afastados e que agora reaparece para encher un baleiro que contribuirá a aumentar, sen dúbida, o prestixio e a notoriedade da hostalería desta vila e a divulgar polo mundo o nome de Ribadeo.

             A Rosca de Ribadeo, agora recuperada, cos seus especiais ingredientes entre os que destaca a améndoa, é un produto de longa e moi antiga tradición nesta vila, famosa xa no século XIX, segundo se dedúce dos documentos desa época. Nunha acta plenaria municipal, de data 18 de febreiro de 1904, presidida polo alcalde, D. Pedro Osorio, lese: “Dada cuenta de la ofrenda que en la fiesta de la Candelaria acostumbra a entregar este Ayuntamiento al Sr. Cura párroco, consistente en un roscón de almendra, la Corporación acordó por unanimidad autorizar el pago de cinco pesetas, importe de dicha ofrenda, y consignar en el acta de esta sesión, que tanto este gasto, como el de aguinaldo y otros de igual índole, se respeten mientras sea Cura párroco de esta villa el Sr. D. Secundino Martínez Montenegro, de quien, no solamente no hay motivos para hacer el menor desaire, sino que, por el contrario, la Corporación se complace en hacer constar que dicho señor merece todo género de consideraciones por su proceder desinteresado y por la atención y solicitud con que a diario se le ve desempeñar su difícil ministerio sin establecer distinciones de clase y posición social”.

             Deste acordo dedúcese a importancia da que gozaba nesta vila naqueles tempos este produto co que a Corporación Municipal ribadense pretendía amosar o seu agradecemento ó párroco, don Secundino - tamén de Mondoñedo, coma o autor desta rosca -  e que agora recupera o novo obradoiro da confeitería La Alizanda, de Ribadeo.

 

 


Comentarios

Añadir un comentario