S?bado, 09 de abril de 2016

UNHA VELLEZ EN SOIDADE

 

Aí están. Sós nas súas casas. Ese é o seu destino. Vellos sen familia. O froito dunha sociedade de progreso. Vellez en soidade. ?Dise que “de vello dúas veces neno”. Pro nas súas vidas non hai nenos que lles fagan rir e lembrarlles a súa propia nenez. Están sós. Cun horizonte negro por diante. Algúns cruzan apenas un saúdo co veciño que teñen no piso do lado. Outros, en casas illadas nas súas aldeas, rumían en soidade os nostálxicos recordos do seu pasado. É a idade da decrepitude, da debilidade. Onde quedou aquela forza e saúde da que presumían? Que foi daquela alegría, ilusión e esperanza que os mantiña contentos?

E están incomunicados, divididos, illados. Non se ven entre eles. Nin sequera un e-mail para contarse as súas penas. Incapaces de xuntase para reivindicar os seus dereitos. Gustaríalles saír á rúa para facerse oír. Gritar a súa soidade e o seu abandono. Pro a súa voz, debilitada polo paso dos anos, no é mais ca un eco entre as catro paredes da súa casa. Algúns agardan a chegada da traballadora social. Unha hora de compañía. E outra vez sós.

E a súa familia? Uns perderon a tódolos seus seres queridos. Outros a teñen traballando moi lonxe. Non poden coidalos. Chegarán sós ó final da etapa. A súa familia aparecerá, seica, no último momento pra recoller os seus escasos bens. É o progreso.  Sós na vida e sós na morte. Cada día se ven máis casos.

Anciáns, que antes finaban na súas casas. Arroupados pola calor dos seus fillos e netos. Que lles apretaban a man nos derradeiros momentos para que non se sentiran sós. Entre moitas penurias, as veces, e mesmo pobreza. Pro finaban coidados e con moito agarimo. Na súa casa deixaban o seu espírito e as súas lembranzas. Pro, amigos… chegou o progreso e con el o materialismo egoísta. Fora de casa, que estorban!

E a sociedade? Inmersa no intenso ritmo da vida, do traballo e a diversión. Traballo lle custa poder sobrevivir. Non ten tempo pra acordarse deles. Xa non lles son útiles. E, como “a can vello todas son pulgas”, as súas escasas pensións apenas lles chegan prós seus gastos. Unha miseria. Eles… ¡que tanto loitaron pra poder ter este que chamamos “estado de benestar”! Chegaron á vellez sen aforros. O diñeiro gañado na vida foilles roubado en impostos para manter lacazáns e no pago da chamada seguridade social para recibir agora unha patada no cu. A súa pequena paga no chega pra unha residencia pública e menos para unha privada.

E non son poucos. Uns 270 anciáns soamente en Ribadeo. E todos maiores de 80 anos. Pro están calados. A súa voz non se oe. A súa mirada xa está apagada. As institucións públicas poden estar tranquilas. Non van saír a gritar polas rúas nin exhibir as súas pancartas reivindicativas. Non son un problema. Porque os vellos non teñen voz. A súa voz está apagada, cansa. Pobres vellos. Que sós se quedan!

 


Comentarios

Añadir un comentario