Viernes, 15 de abril de 2016

XUNTANZA DA PLATAFORMA PRO RESIDENCIA DE RIBADEO

 

Hai case dous anos, o día 24 de xuño de 2014, colocábase a primeira pedra da nova residencia. Dous anos nos que o novo edificio foi tomando forma e aspecto, tanto no seu exterior como no seu interior. Neste tempo as obras foron visitadas en repetidas ocasións pola Comisión Municipal, formada polas forzas políticas locais e os representantes veciñais. Ata agora todo se desenvolveu segundo o previsto polos técnicos e a plena satisfacción de todos, tanto no cumprimento dos prazos establecidos como na mesma execución das obras.

A construción achégase, por fin, ó seu fin. Una vez superada esta etapa dará comezo un novo capítulo, o do seu equipamento. Unha nova fase na que a Comisión Municipal, presidida polo alcalde, está disposta a continuar cos seus esforzos e o seu traballo ata culminar tódolos pasos necesarios ata a súa posta en funcionamento.

Pra reflexionar sobre o percorrido deste proceso, o seu pasado, presente e futuro, e en cumprimento do mandato veciñal que ten asumido, o derradeiro venres día 8 de abril, xuntouse outra vez a Comisión pro Residencia, representativa dos veciños deste concello. Analizada a traxectoria seguida ata agora, a súa valoración foi positiva. Polo que desexa manifestar o seu agradecemento ó alcalde e ás forzas políticas locais que souberon compartir todos xuntos os seus esforzos e colaboración pra levar ata o final as súas promesas iniciais de impulsar esta aspiración veciñal, renunciando ás súas prioridades individuais e partidarias, e loitando todos xuntos na consecución deste nobre e necesario obxectivo.

Unicamente lamenta a actitude negativa mantida pola Xunta de Galicia e polo PP local que, desertando este partido político da postura inicial mantida polo anterior portavoz do partido, o Sr. Valín, rompeu os seus lazos coa Comisión municipal e, polo tanto, o seu apoio a este proxecto común.

Esta Plataforma veciñal acordou manifestar, unha vez mais e en nome dos veciños deste concello, o seu gradecemento á Deputación Provincial pola achega dos 500.000 euros  que acaba de aprobar nos seus ornamentos pra a nosa residencia. Unha cantidade que culmina o custo total da súa construción.

Acordou, de igual xeito, seguir apuntalando ó alcalde e á Comisión Municipal coas súas propostas, cos seus esforzos e axuda ata a culminación e posta en marcha da residencia, e ata poder acertar na elección da mellor forma posible de xestión.

Manifestou o seu unánime parecer de adicar tan só a xardín todo o espazo exterior da edificación adicada a residencia, sen outras edificacións ou alpendres que alteren a tranquilidade dos futuros usuarios da residencia. Unha opinión, sen embargo, que deixa ó bo criterio e decisión do alcalde.

E, finalmente, ratificouse, unha vez mais, na súa aspiración de que a residencia sexa pública e local, e a súa xestión accesible economicamente e axeitada pra tódolos veciños deste concello e comarca.

 


Comentarios

Añadir un comentario