Viernes, 08 de mayo de 2015

CERNA DE CARBALLO

     Título moi acertado o deste libro-homenaxe adicado a Xosé Manuel Carballo Ferreiro, crego rural un chisco anticlerical, como el mesmo co súa típica retranca se definiu, e o meirande ilusionista da Terra Cha. Moi acertadas tamén as preto de 200 colaboracións de amigos seus que recolle este libro no que todos debuxan, salientan e enaltecen a  polifacética personalidade deste excepcional personaxe. Retrato que, por outra parte, cabe esperar da pluma desas preto de 200 persoas que se auto postulan amigos e admiradores de Xosé Manuel. Preto de 200 retratos da súa personalidade, da  diversidade profesional de que gozaba e na que destacaba, tanto no eido relixioso como no cómico-ilusionista e mesmo dramático coa fundación do teatro Valouros. Ensaios que amosan a intensa inmanencia da súa persoa da que transcenden verdadeiros valores ecuménicos e socioculturais. So iso explica que preto de 200 persoas tan dispares nos seus sentimentos, opinións, opcións relixiosas e mesmo políticas se sumen na mesma dirección e coincidan nos mesmos sentimentos, aprecio e valoración do polifacético Xosé Manuel.  

     Un, que por circunstancias que a vida a cada quen impón, non tivo a sorte de poder ser contado entre os que gozaron da súa proximidade e cotián relación de amizade, non puido aspirar ao privilexio de figurar entre eses amigos colaboradores do libro CERNA DE CARBALLO a el adicado. Pro, dende a distancia imposta por unha relación que, ao meu pesar, non pasou dos límites do convencional, despois de habelo tido como aplicado alumno no seminario de Mondoñedo, considérome, emporiso, atento observador e admirador da súa traxectoria vital, e asiduo lector das súas publicacións e colaboracións, obras mestras da satírica e da chispa retranqueira galega, como as que el publica no xornal Galicia Digital, e nas que, coa súa fina ironía, adoita facer de Quixote, criticando e tentando de desfacer as inxustizas  coas que os modernos malandrines asoballan hoxe a sociedade.               

     Engadir algo máis ás moitas e variadas calidades e virtudes que adornan a personalidade de Xosé Manuel Carballo, postas de relevancia moitas delas polos case 200 participantes neste libro-homenaxe, é tarefa case imposible. E digo "case" porque unha das virtudes que atopei en Xosé Manuel Carballo foi, sen dúbida, o seu sentido humanista da liberdade fronte a certos convencionalismos sociais ou mesmo relixiosos, e dicir, o seu espírito libre fronte a falsos condicionamentos, moitas veces inhumanos e case sempre mal entendidos. Home verdadeiramente libre, ata o punto de que nin polo tabaco se deixaba dominar pois, segundo me contou unha vez que nos atopamos nunha rúa, en Ribadeo, e en resposta a unha pregunta miña sobre de súa dependencia do tabaco, respondeume,   coa súa característica chispa, que el só fumaba cando lle daba a gaña.

     Cando se oficiaron os funerais polo pasamento do compañeiro e profesor Edelmiro Bascuas, na Coruña, fai xa máis de catro anos, tan só dous dos seus exalumnos e antigos compañeiros relixiosos da diocese de Mondoñedo-Ferrol asistiron ás súas honras fúnebres. E un deles foi, precisamente, Xosé Manuel Carballo que, libre de anoxos e prexuízos sociais, honrou coa súa presenza nese acto a quen fora, ademais de antigo compañeiro, un ilustre mestre do humanismo e dos clásicos gregos. "Persoa xigantesca, cunha extraordinaria cabeza e un corazón axeitado para tanta cabeza, e de quen moitos aprendemos mais humanismo ca grego", como o mesmo Xosé Manuel o definía nun dos seus escritos dirixidos a min mesmo. Foi o seu inviolable senso da liberdade o que o levou a honrar coa súa presenza ao seu antigo mestre e compañeiro. Valores estes que andan escasos en certos ambientes deshumanizados e fanatizados.

     Salutem pluriman para quen adicou a súa vida a dar a todos ledicia e felicidade.

 

 


Comentarios

Añadir un comentario