Martes, 04 de agosto de 2015

A CARBALLEIRA

      Con só escoltar este nome, lembranzas e sensación placenteiras ateingan o coraón de moitas persoas.

      A idiosincrasia da xente de Mondoñedo, e mesmo a vida social da Cidade, como a de tódolos pobos, é o resultado de elementos propios da súa situación xeográfica, da súa herdanza cultural, da súa vida canónica e episcopal e, en fin, dos costumes e tradicións, e mesmo dos atractivos específicos que a conforman. As xentes dos nosos pobos, xa se sabe, aínda que semellantes, non son iguais. Un dos elementos que conforman a vida social de Mondoñedo e a distingue de outros pobos é, sen dúbida, a finca A Carballeira. Leira outrora propiedade dos nosos ben queridos e recordados amigos, Higinio e Rosa, donos do desaparecido Bar Central. Está situada esta finca nas proximidades da estrada que une Mondoñedo coa súa veciña vila de Lourenzá, e xa moi preto desta. Nela atópase unha pequena casiña de escuras paredes de pedra, coa súa cheminea, rodeada de eucaliptos. O seu nome, A Carballeira, tal como se anuncia na lenda que figura no seu camiño de entrada. Unha casiña coñecida, tamén, nesta bisbarra mariñán polo nome de "A Casa dos Enanitos", nome co que foi bautizada pola  imaginación soñadora dos nenos cando pasaban pola estrada a carón dela.

       A importancia que esta pequena casiña tivo en certos círculos sociais da Cidade da Paula, na segunda metade do século XX, foi destacada e intensa. Vivencias e lembranzas de momentos felices e de persoas que, nin o paso do tempo nin a ausencia fatalmente inevitable dos moitos amigos que nesas esmorgas se daban cita e participaban, foron quen de borrar. Evocacións e nostalxias de xuntanzas e farturas culinarias celebradas alí, e que mesmo hoxe están vivas aínda entre moitos. A proverbial cordialidade dos seus donos, Higinio e Rosa, sempre dispostos a convidar a coñecidos e amigos a gozar de suculentas esmorgas nesa paraxe marabillosa, souberon converter ese espazo nun prototipo de sa convivencia e lecer. Alí dábanse cita con moita frecuencia persoas e personaxes para compartir, sempre baixo a afectuosa atención dos seus donos, amenas conversas entretidas con suculentas viandas, en sa e saudable compañía e amizade, que contribuían a aliviar o aburrimento dos días de ocio desta pequena cidade medieval que é Mondoñedo.

      Alí tiveron lugar innumerables xuntanzas nas que se viviron divertidas  anécdotas, como a daquel xantar no que os azos dalgúns comensais, excitados polos excesivos licores espirituosos, empezaron a subir de tono e a alterar os ánimos dos asistentes. A oportuna aparición dun amigo que por alí pasaba e que se achegou a xuntanza tocando o seu acordeón, trocou as nacentes tensións nun alegre canto de habaneiras. Ou aquela outra na que o xeneroso anfitrión, despois de ser homenaxeado por uns amigos cunha suculenta comida de peixe fresco e estar farto xa o seu apetito, presentaronlle diante un lacón cocido. Posto de pe e moi ofendido por tamaña traizón a quen tiña demostrada a súas preferencias pola carne de porco, dixo anoxado: "Isto a min non se me fai". Outras persoas poderían contar, sen dúbida, outras moitas anécdotas. Plumas capaces de facelo non faltan en Mondoñedo. Aínda que, como non todo o que reluce é ouro, sempre queda algunha, mesmo en Mondoñedo que, pese a que senta cátedra na universidade, non é capaz de incorporar a virtude da prudencia á súa pluma nin privarse de botar sen xeito a lingua a pacer. Pro, xa se sabe que, quod natura non dat, Salmántica non praestat.

      Unha memorable etapa da vida social de Mondoñedo, marcada polas celebracións amistosas na Carballeira. Xuntanzas que deixaron en moitos ledas lembranzas e evocacións daqueles momentos felices, das atencións e xentilezas dos seus ben queridos donos e da amizade de tantos outros amigos cos que alí compartimos moitos momentos alegres. Por iso, cada vez que paso por alí - que agora, por mor dá autovía e porque, ás veces, é mellor evitar rexurdir lembranzas é abrir feridas, son poucas - sinto bater apresa ou meu corazón pois, á fin, un remata querendo ás persoas e ós sitios polos quereres que deixa neles.

 

 


Comentarios

Añadir un comentario